Monday 29 de April de 2024

Neira remarca o traballo en equipo da comunidade do CEIP Rosalía de Castro para a creación dun videoclip sobre a non violencia


 

Estudantado, profesorado e familias do centro materializaron nunha cinta todo o que debateron e concretaron nunha canción que gravaron nun estudo profesional e que hoxe presentaron no Teatro Colón

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, acudiu esta mañá á presentación no Teatro Colón do audiovisual “Non violencia”, e valorou a iniciativa do alumnado do CEIP Rosalía de Castro por implicar o profesorado e familias na creación dunha canción que hoxe é un himno para todos eles e que serviu de fío condutor do videoclip dirixido por Manu Viqueira. No acto tamén participou o edil de Cultura, Jesús Celemín.

O proxecto, que partiu da ANPA Aturuxo, englobou obradoiros de diálogo coa profesora María Xosé Mosquera, da UDC, da que obtiveron os elementos centrais do tema, e sesións de “Filosofía para nenas e nenos”, nas que abordaron cuestións éticas e afectivas. A edila destacou o feito de xuntar varias xeracións nun equipo para debater sobre unha cultura de paz sobre a que vertebraron a letra coa axuda da escritora Dores Tembrás, que traballou con eles para concretar a mensaxe que querían transmitir.

Ademais, contaron coa colaboración de Fernando Esclusa na música, co que decidiron ritmo e melodía. Finalmente, o ilustrador Manel Cráneo guiou as e os estudantes para que lles desen forma plástica ás ideas e que buscasen un logo e un lema que representase todo o proceso creativo. As e os protagonistas explicaron no

teatro a súa experiencia gravando nun estudo profesional e na rodaxe do vídeo que hoxe puideron ver na gran pantalla. Contaron que foron cinco días de ledicia, nervios e sorpresas, pero tamén de moito traballo, nos que coñeceron o mundo do cine por dentro.